Sunday 19 de May de 2024

O BNG pide, máis unha vez, coñecer as propostas veciñais que se formularon ao proxecto de Orzamento Municipal para 2024


O portavoz municipal nacionalista considera “natural” que todos os grupos coñezan as propostas achegadas polas entidades para poder contrastar a súa incorporación ao proxecto de Orzamento

O BNG proporá regulamentar o proceso participativo nos orzamentos municipais, creando mecanismos claros, iguais e transparentes para achegar ideas ou propostas e ter garantía de que todas sexan atendidas e respondidas en tempo e forma

As primeiras eivas que detectamos nos orzamentos deste ano, como vén sendo xa habitual, prodúcense xa no mesmo proceso encamiñado á elaboración dos mesmos, na información á cidadanía e ao tecido asociativo, na información ao resto de representantes populares elixidos polo Pobo de Oleiros, na participación popular, na apertura dun procedemento participativo onde os colectivos poidan defender e xustificar as necesidades que teñan.

Os grupos políticos recibimos a proposta de orzamentos 9 días antes do pleno onde se consideran os mesmos. Difícil, ao non dispormos dos medios técnicos nin humanos que ten o goberno municipal para elaborar a súa proposta de orzamentos, que poidamos cumprir co máximo rigor as nosas funcións nestas circunstancias e con tan cativa marxe, porén por parte do BNG non vai ficar.

A través de diferentes canles informativas, o goberno municipal de Oleiros explica como cada ano dirixe un escrito aos diferentes colectivos sociais do municipio para que fagan chegar as súas propostas ao proxecto de orzamento municipal. Posteriormente, o mesmo executivo adoita convocar un acto público con estes colectivos para lles presentar as liñas globais do proxecto orzamentario que logo leva ao Pleno para a súa aprobación. O encontro deste ano tivo lugar na esta semana.

Tampouco sabemos pois, como foi a información das liñas básicas do orzamento, que o Alcalde fai todos os anos, ás asociacións culturais, deportivas, veciñais ou educativas. A todas as que hai en Oleiros? Pois non se sabe. Como tampouco se sabe cales son as achegas ou solicitudes que estas entidades fan ao proxecto de orzamento cada ano. O BNG acha fundamental que tanto as entidades sociais (TODAS) como as veciñas e veciños no seu conxunto reciban invitación a participar na elaboración do orzamento municipal. De feito, tan ben nos parece que cremos necesario regulamentalo: é dicir, crear mecanismos claros, iguais e transparentes para achegar ideas ou propostas e ter garantía de que todas sexan atendidas e respondidas en tempo e forma. Estabelecendo prazos temporais claros e dando todas as facilidades posíbeis para a participación. Hai modelos participativos noutros concellos; non os hai por que copiar, mais pódese aprender deles, adaptándoos á nosa realidade.
Por iso algo básico para nós, que cremos que un orzamento municipal debe partir dun proceso realmente participativo, é podermos coñecer o contido das propostas que entidades e persoas achegaron ao proxecto contábel do goberno local para algo tan básico e normal como contrastar esas achegas coas que aparecen no documento, comprobarmos que están e podermos preguntar, se fose o caso, por que non se engadiron as que se achegaron e non aparecen.

O concelleiro nacionalista de Oleiros, Iván Roca, solicitará información sobre as propostas que as diferentes entidades culturais, veciñais, deportivas ou educativas de Oleiros achegaron no proceso previo á elaboración do proxecto de Orzamentos Municipais para 2024, que o vindeiro xoves debaterá o Pleno.